Servizos
Aquí podemos traballar conxuntamente nas dificultades que estean a interferir no teu benestar ou na maneira de vivir o día a día.
Algunhas das máis habituais son:
-Ansiedade.
-Estrés.
-Estado de ánimo baixo ou falta de motivación.
-Autoestima.
-Ataques de pánico.
-Sensación de baleiro ou desorientación.
-Dificultades nas relacións persoais ou familiares.
-Problemas laborais.
-Cambios vitais ou decisións complexas.
-Emocións intensas ou difíciles de xestionar.
-Pensamentos repetitivos o bloqueantes.
-Impulsividade.
-Irritabilidade ou frustración.
-Dificultades para poñer límites.
-Hábitos saudables difíciles de manter.
Non é necesario que te identifiques con todo o que ves aquí. Se algo disto che resoa, xa é un bo punto de partida para comezar a traballar.
O proceso terapéutico estrutúrase de maneira clara e progresiva. Comezamos cunha avaliación inicial, na que recollemos información sobre a túa situación, historia e obxectivos.
A continuación realizamos unha devolución, un espazo para explicarche como entendemos o que está a suceder e que plan de traballo pode ter máis sentido para ti.
Despois pasamos á intervención, onde aplicamos estratexias que che axuden a modificar condutas, afrontar situacións de forma máis efectiva e avanzar cara ao que consideras importante. Non se trata só de falar, senón de practicar novas maneiras de actuar e observar os resultados na túa vida cotiá.
Finalmente, realizamos un seguimento, para consolidar os cambios e previr recaídas.
Todo o proceso baséase en principios e técnicas validadas cientificamente, pero sempre adaptadas ao teu contexto, aos teus valores e ao teu ritmo.
En cada sesión exploraremos o que che ocorre, buscando comprender que é o que mantén o malestar e que podería axudarche a xestionalo doutra maneira.
O traballo será activo: dentro da sesión revisaremos situacións concretas e fóra dela propoñereiche exercicios ou reflexións para trasladar o aprendido á túa vida diaria.
A terapia non se limita a falar; é un proceso de práctica e descubrimento. A medida que avances, poderás observar cambios non só en como pensas ou sintes, senón, sobre todo, en como escolles actuar.
Comezar unha terapia pode dar vertixe, e é algo completamente normal. Aquí atoparás un espazo no que poder falar con calma, sen xuízos nin présas. Un lugar de atención e respecto.
A idea é que poidas expresarte con liberdade, mesmo cando non saibas por onde comezar. Ás veces o primeiro paso non é ter todas as respostas, senón poder dicir “non sei” e comezar desde aí.
O traballo que fagamos partirá da túa historia, das túas circunstancias e do que para ti teña sentido.
As sesións teñen unha duración aproximada de 45 a 60 minutos, e poden realizarse presencialmente ou de forma en liña.
A frecuencia acórdase segundo as túas necesidades e obxectivos, e pode axustarse ao longo do proceso.
Os horarios son flexibles e adáptanse, na medida do posible, ás túas circunstancias.
Se desexas máis información ou concertar unha primeira cita, podes facelo directamente por WhatsApp ou a través do formulario de contacto.
