Sobre min

Como xa puideches ler, a miña maneira de entender a psicoloxía parte dunha mirada práctica e próxima: acompañar ás persoas para que aprendan a vivir con maior claridade e sentido, mesmo nos momentos difíciles.
Chámome Sergio e son psicólogo xeral sanitario. Traballo desde unha perspectiva contextual e condutual, centrada en como as nosas interaccións coa contorna inflúen no que sentimos, pensamos e facemos. Lonxe dunha visión reducionista, esta abordaxe permite comprender o sufrimento psicolóxico non como un erro persoal, senón como o resultado de experiencias e aprendizaxes previas.
O meu percorrido profesional estivo ligado ao ámbito sociosanitario, colaborando con entidades dedicadas á atención de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, así como con proxectos de cooperación internacional e axuda humanitaria. Estas experiencias reforzaron o meu interese por acompañar a persoas en situación de vulnerabilidade e consolidaron unha forma de traballar baseada no respecto, na sensibilidade e no compromiso ético.
Sei que acudir a terapia pode xerar dúbidas ou nervios. Por iso che ofrezo un espazo cálido e libre de xuízos, no que poidas explorar o que che preocupa ao teu ritmo. A miña prioridade é que te sintas con suficiente confianza para falar do que che pasa, sabendo que a túa historia será escoitada e comprendida.
Cada persoa é única, e por iso o proceso terapéutico se adaptará á túa historia, aos teus valores e aos teus obxectivos. Non se trata de empregar etiquetas diagnósticas, senón de entender como e que aprendiches ao interactuar co teu contexto, ofrecéndoche ferramentas que che axuden a xerar cambios significativos na túa vida cotiá.
Traballo con rigurosidade e evidencia científica, e continúo formándome para garantir un acompañamento de calidade. Ademais, o meu obxectivo é que a terapia sexa un proceso útil e acoutado no tempo: que poidas incorporar as aprendizaxes necesarias para continuar o teu camiño sen depender da miña axuda, avanzando cara a unha vida máis coherente co que realmente valoras.
Se tes algunha pregunta, non dubides en contactar comigo.
Resumo de formación
-Graduado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.
-Posgraos en Acción Humanitaria e Cooperación Internacional pola Universitat Oberta de Catalunya.
-Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria pola Universitat Internacional Valenciana.
-Experto Universitario en Psicoterapia con Persoas Mozas e Adultas pola Universidad Fernando Pessoa de Canarias.
-Psicólogo colexiado no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia nº G-7294.
